Este sábado arrincan os obradoiros de artesanía no Castelo de Vimianzo


  • A Mostra de Artesanía en Vivo comezará ás 11:00 horas, e a inscrición estará dispoñible no enderezo web da Administración local

Este sábado, 3 de xullo, arrincan os obradoiros da Mostra de Artesanía en Vivo de Vimianzo. Celebraranse no patio do Castelo e o primeiro deles será o do fiado do liño da man da Asociación Amigos do Liño de Galicia. A Mostra comezará ás 11:00 horas e as inscricións para participar nos talleres poden formalizarse neste enlace.

A do fiado do liño será a primeira dun compendio de actividades que buscan «poñer en valor os produtos de manufactura de toda a Costa da Morte como o propio liño, a palla de Baíñas ou a olaría de Buño», destacan desde o Concello.

As prazas estarán limitadas a 12 persoas adultas ou menores a partir de 8 anos, acompañados dunha persoa adulta. Desde o Concello de Vimianzo aproveitan a ocasión para convidar á veciñanza «a engalanar as súas fiestras e balcóns de cara unha nova edición do Asalto ao Castelo, que non poderá celebrarse como de costume pero que servirá de previa para a conmemoración do XXV aniversario».