Este sábado chega a Vimianzo “Finisterrae: O último ultramarinos”


A programación de outono do Concello de Vimianzo continúa o seu ritmo, este sábado, 17 de outubro, será a quenda para a compañía Títeres Alakrán coa obra “Finisterrae: O último ultramarinos” que é un particular retrato da Costa da Morte, feito por creadores da zona. Estará dispoñible a venda anticipada de entradas ata o venres na Casa da Cultura (non se reservan).

A obra conta a historia de Berto e Mónica, veciños dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado. A través do seu encontro despois de varios anos asistimos a unha estampa particular da Costa da Morte; do seu pasado e presente, pero tamén dun futuro aínda por construir. Finisterrae é tamén un retrato da situación que atravesan moitas pequenas vilas afastadas dos grandes núcleos, que padecen unha despoboación progresiva e que se adaptan como poden aos cambios económicos e sociais que están a redefinir a súa identidade e o seu porvir.