Este sábado comeza a completa programación do ‘Verán en Zas’ cunha gran festa infantil

4 minutes read

Un completo programa de ocio e tempo libre organizado polo Concello de Zas con actividades para todos os públicos e en diferentes localizacións do municipio.  

“Este ano, ao igual que nos anteriores, deseñamos para toda a nosa veciñanza un completo programa de actividades que arranca este sábado e que se estenderá ata o mes de setembro no que temos andainas, música, excursións,…”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

A programación do “Verán en Zas” comeza xa este sábado cunha gran festa infantil que se celebrará no campo de fútbol e na piscina municipal de Zas na que haberá inchables, festa da escuma, obradoiros, música… e unha merenda con flocos de millo. Será de 16:00 a 20:00 horas e a entrada é de balde. 

Concertos e outros espectáculos 

 Música nas Torres: Os Monifantes ofrecerannos o 12 de xullo un concerto para o público xeral e familiar nas Torres do Allo. Será ás 20:00 horas e é de balde. 

• Concerto na Ponte: O día 19 de xullo, na Ponte de Brandomil, Comando Coruxás ofrecerá un concerto gratuíto ás 22:00 horas. 

• Circo na Fonte de Fornelos: o 2 de agosto poderemos ver un espectáculo de circo na Fonte de Fornelos a partir das 20:00 horas. 

Deportes 

• Día da bici: o 20 de xullo celebrarase o día da bici cun roteiro polo municipio que sairá ás 10:30 horas da Praza do Concello. A actividade rematará cunha merenda e para participar é necesario anotarse previamente. 

• Cursos de natación: durante os meses do verán realizaranse diferentes cursos de natación para todas as idades nas piscinas municipais de Zas e de Baio. Proximamente concretaranse os horarios. 

• Trail Nocturno Cova do Lobo: o 16 de agosto, xunto coa AD Monte Brondo, organizan o Trail Nocturno Cova do Lobo coas seguintes probas: trail nocturno, pequetrail e unha andaina nocturna. Podedes ampliar información e anotarvos en www.empa-t.com 

 XXXIV Trofeo de Fútbol do Concello de Zas: o 7 de setembro xogarase o XXXIV Trofeo de Fútbol Concello de Zas no campo municipal Platas Reinoso de Baio. 

Torres do Allo 

As Torres do Allo serán outro dos puntos centrais da programación de verán. Ademáis do concerto do día 12 de xullo teñen preparadas estas outras actividades: 

• Visitas guiadas: todos os días realizamos visitas guiadas gratuítas ás 13:00 e ás 17:00 horas. O pazo máis antigo de Galicia está aberto todos os días do verán. 

• Visitas teatralizadas: Todos os domingos de xullo e agosto terán unha visita teatralizada nas Torres do Allo. Será ás 19:30 horas. De balde. 

 Exposición temporal “Riobóo, a saga do Allo”. Todos os días poderá visitarse na Sala de Exposicións unha mostra sobre a última familia que residiu no pazo. 

• Scape Room do Allo: todos os días poderase realizar un scape room nas Torres do Allo. É necesario concretar a data e o horario dispoñibles en info@torresdoallo.gal 

• Mercado de San Ramón: o 31 de agosto celebrarán o tradicional mercado de San Ramón na contorna das Torres do Allo con merendas, feira de artesanía, obradoiros, unha sesión vermú amenizada por Unto Vello e un concerto infantil da man de Cé Orquesta Pantasma. 

Andainas e excursións 

• Excursión a Aquapark Cerceda: o 18 de agosto realizarán unha excursión ao Aquapark de Cerceda dirixida á rapazada nada entre o 2006 e o 2015. A saída será ás 10:00 horas dende a Praza do Concello de Zas e ás 10:15 horas dende o Torre Penedo de Baio. Esta é a única actividade de pago de toda a programación, cun custe de 10€/persoa. 

• “Zas a pé”: os días 12 e 19 de xullo e 1 de agosto realizarán unhas andainas polo noso municipio. Serán gratuítas e é necesario anotarse previamente. 

• Visitas guiadas ao Patrimonio Arqueolóxico de Brandomil: Todos os luns, mércores e venres (ata o 31 de agosto) realizarase ás 12:00 horas unha visita guiada ao Patrimonio Arqueolóxico de Brandomil. Para participar é necesario inscribirse previamente.

E ademáis de todas estas actividades, do 4 ao 9 de agosto terán unha completa Semana Cultural como antesala á 40ª Festa da Carballeira. 

Todas as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poden ampliar información e facer as inscricións, no caso de ser necesaria, nos Centros Socioculturais de Zas e de Baio (981 751 398 / 981 718 056) en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas