O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar acollerá este sábado a partir das 18:00 horas a segunda das proxeccións do ciclo de documentais en galego Cinema e memoria.
Nesta ocasión o filme será Mulleres da Raia, no que unha viaxe ás fronteiras do norte de Portugal e Galicia nos transporta ao noso pasado máis recente. O contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras aproveitando a proximidade do país veciño. A Raia, como popularmente é coñecida a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia e as súas mulleres son testemuñas e protagonistas.
O documental está dirixido por Diana Gonçalves e vai dirixido especialmente ao público xuvenil e adulto, sendo a entrada libre e gratuíta.
Esta iniciativa é organizada polo Concello da Laracha coa colaboración da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) impulsada polo Museo do Pobo Galego. O ciclo pecharase o 21 de decembro con A Galicia rural dos anos 30, unha selección de filmes con vídeos orixinais que mostran a forma de vivir e traballar no campo galego naquela época.
39