Unha xuntanza no propio mosteiro de Caaveiro con representantes da área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña e os cinco concellos da contorna serviu para concretar as novidades de cara á apertura este venres día 28 do monumento que preside o parque natural das Fragas do Eume. Límite de visitantes, duplicación de transporte público e sinalización son as principais medidas que se activarán para cumprir protocolo e previr o contaxio do virus.
O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, os alcalde da Capela, Manuel Meixoso, de Cabanas, Carlos Ladra e de Monfero, Andrés Feal, e as concelleiras de Turismo das Pontes, Elena López e a de Pontedeume, Yolanda Vázquez, xunto co xefe de servizo de Contratación e Patrimonio, Luís Jaime Rodríguez, participaron na xuntanza para a coordinación das actuacións e protocolos de prevención e seguridade para a apertura este mesmo venres do mosteiro de Caaveiro.