- Os participantes no concurso virtual poderán enviar as súas fotografías ou vídeos ata o 21 de febreiro
O Concello de Malpica promove un concurso de Entroido a distancia que consistirá en compartir imaxes ou vídeos onde se mostren as vestimentas dos participantes. O prazo para participar comeza este venres e rematará ás 23:59 horas do 21 de febreiro. Tres días máis tarde darase a coñecer a listaxe de persoas gañadoras.
Haberá tres categorías: infantil (menores de 12 anos), adulta (maiores de 12 anos) e conviventes, para as unidades familiares participantes.
Constituirase un xurado composto por tres persoas e os arquivos enviaranse previamente ao mail malpicacultura@gmail.com para, posteriormente, publicarse na páxina oficial de Facebook do Concello de Malpica.
Por cada categoría, o xurado escollerá tres imaxes e/ou vídeos gañadores e repartiranse 900 euros en premios.