Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2020/2021 que publicou este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG). Nela establécese que o período de veda do polbo para este ano vai das 16:00 horas do venres, 29 de maio, ata as 05:00 horas do mércores 1 de xullo. Non obstante, as capturas desembarcadas o 29 de maio poderán ser comercializadas tamén o 30 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.