A campaña especial de tráfico deste verán, que comeza o venres, contará con 28 novos drons e 16 radares fixos máis para controlar os 91,2 millóns de desprazamentos por estrada previstos. O reforzo responde a unha recuperación da mobilidade máis rápida da agardada. Os datos facilitounos o ministro do Interior nunha conferencia de prensa en que presentou a campaña estival da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Fernando Grande-Marlaska pediu non baixar a garda para que «esas ganas que temos todos dunhas merecidas vacacións non se estrelen nas estradas por unha imprudencia». «Non o estragues» é o lema da campaña deste ano, en que se vai reforzar a vixilancia da velocidade e dos desprazamentos en moto pero, sobre todo, os controis de alcol e drogas. Para tentar garantir a seguridade, Tráfico vai contar con 780 radares fixos de control da velocidade (16 máis que o pasado verán), 92 deles de tramo; 545 radares móbiles, dous helicópteros, 216 cámaras de control de cinto e de teléfonos móbiles e 39 drons, dos que 23 teñen capacidade de denuncia e 28 son novos.
35