Este venres pleno na Laracha, o BNG levará unha moción de apoio aos traballadores de R

Xoán M. Sande Muñiz. Foto.- nhdiario.es

  • A sesión ordinaria terá lugar a partir das 13:30 horas.
  • Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha presentará a seguinte moción en apoio aos traballadores e traballadoras das contratas de R das que a actual empresa propietaria se desvincula e deslocaliza o traballo.

Sande Muñíz expón que:

Recentemente, Euskaltel acordou entregar á empresa chinesa ZTE os servizos de operación e mantemento da rede que en Galiza até agora prestaban compañías como Comfica, Colabora, Indra, Plexus… Porén, á diferenza doutros cambios anteriores, desta volta o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións na nosa terra, xa que estes servizos van ser deslocalizados ao centro de traballo que ZTE acaba de abrir en Asturias. Pero ademais, hai persoal da propia ZTE, a quen R externalizou previamente nesta subcontrata, que tamén está en risco de perder o seu emprego.

A consecuencia máis inmediata da decisión foi a comunicación da perda de 18 postos de traballo que neste momento están a realizar os/as traballadores/as de Comfica, a quen a compañía se nega a recolocar, e o anuncio de Indra de que reducirá persoal nos servizos que presta para R. Mais a perda de emprego afecta tamén a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica (prestados por persoal de Indra, Teleperformance, GSS, Gestión C) que aos poucos Euskaltel está a levar fóra da Galiza.

As declaracións do conselleiro delegado de Euskaltel, José Miguel García, asegurando que continuará neste camiño de «reestruturación» afondan nos temores do traballadores e das traballadoras que, diante desta situación, acordaron iniciar mobilizacións para esixir o mantemento do emprego en Galiza, con dúas folgas, os dias 24 e 31 de xullo .

As traballadoras e traballadores de R demandan das administracións públicas que tomen a iniciativa para evitar que se consume esta nova desfeita laboral nunha empresa de telecomunicacións. Hai que lembrar que as grandes compañías están nun proceso de desmantelamento das súas estruturas territoriais (especialmente grave no caso de R Cable, ao ser en orixe unha empresa galega) para concentrar o emprego fóra de Galiza. Deste xeito non só se eliminan os postos de traballo senón que toda a contratación nova que se fai, prodúcese noutras comunidades.

Tamén se demanda das administracións públicas que forcen a R e a Euskaltel, que desoen as peticións de xuntanza coas representacións legais das traballadoras e traballadores e das organizacións sindicais, a sentárense coas traballadoras e traballadores afectados, que dean explicacións e propoñan solucións a este conflito.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes 

                                             ACORDOS:

1º.- Expresar o apoio da Corporación Municipal ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores das empresas auxiliares que prestan servizos de operación e mantemento de rede e atención ao cliente de R Cable, para que estos servizos continúen a ser prestados desde territorio galego, garantindo ademais que a atención ao cliente se siga dando en galego.

2º.- Instar ao Goberno Municipal a dirixirse a R Cable e Euskaltel para que se senten a negociar coas traballadoras e traballadores afectados e se reverta a situación, e que garantan o cumprimento do dereito dos consumidores a ser atendidos en idioma galego.

Estos serán outros temas da orde do día da sesión plenaria:

1. Aprobación, se procede, do borrador da acta da sesión de organización da Corporación de data 9 de setembro de 2019.

2.- Dación de conta de decretos de Alcaldía.

3.- Ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais celebrada o día 24 de setembro de 2019 de aprobación da proposta de Alcaldía relativa á designación de festivos locais no Concello da Laracha para o ano 2020.

4.- Ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais celebrada o día 24 de setembro de 2019 de aprobación da proposta de Alcaldía relativa á aprobación inicial do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello da Laracha.

5.- Ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais celebrada o día 24 de setembro de 2019 de aprobación da proposta de Alcaldía relativa á aprobación do convenio entre o Ministerio de Interior e o Concello da Laracha para a incorporación do corpo da Policía Local ao “Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero”.

6.- Mocións de urxencia.

7.- Rogos e preguntas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha