Este verán chegará a 208 albergues unha nova edición da campaña ‘Camiño da reciclaxe’


A Xunta, en colaboración con Ecoembes, lanzará este verán unha nova edición da campaña Camiño da reciclaxe, que nesta ocasión estará presente nun total de 15 oficinas de turismo e en 208 albergues galegos repartidos ao longo de 6 itinerarios diferentes: francés, inglés, portugués, norte, primitivo e, por primeira vez, portugués da costa. Para facilitar o proceso, todos os ecoalbergues adheridos ao proxecto recibirán un kit con carteis informativos; papeleiras amarelas para depositar latas, briks e envases de plástico, e azuis para a recollida selectiva do papel e do cartón; un selo que os identifica como albergue colaborador; Compostelas especiais para os ecoperegrinos; e un lote de bolsas reutilizables fabricadas con PET reciclado para repartir entre as persoas aloxadas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente da zona norte de Ecoembes, Fernando Blázquez, presentaron todos os detalles da iniciativa, que se puxo en marcha en 2016 para concienciar ás miles de persoas que percorren cada ano o Camiño de Santiago da importancia de separar e reciclar os residuos e envases que van xerando durante a súa peregrinación e de manter este itinerario libre de basuraleza.

Durante os 6 anos que leva en marcha Camiño da reciclaxe, Ángeles Vázquez explicou que se recuperaron xa máis de 500 toneladas de residuos a través dos albergues adheridos, cun incremento constante das taxas de recollida que acadaron a súa cifra máis alta en 2021, cun total de 117 toneladas.