- A actividade, organizada polo Concello, terá lugar o sábado 9 de abril e busca promover estilos de vida saudables entre a veciñanza
O Concello da Laracha abre este xoves o prazo de inscrición para participar nun obradoiro de iniciación á práctica da marcha nórdica, unha modalidade de exercicio ao aire libre consistente en camiñar coa axuda e impulso de bastóns e que ten a súa orixe no esquí de fondo. Con esta iniciativa, o goberno local busca promover entre a veciñanza estilos de vida saudables a través da práctica de actividade física.
A xornada desenvolverase o sábado 9 de abril, na área recreativa de Gabenlle, en horario de 10:30 a 13:00 horas. A finalidade é que as persoas asistentes poidan coñecer a técnica de emprego dos bastóns, comprender os principais fundamentos saudables desta disciplina (centrados na mellora da coordinación e do equilibrio, así como na descarga das articulacións) e valorar os espazos dispoñibles no termo municipal da Laracha para a práctica da marcha nórdica.
As prazas, restrinxidas a persoas empadroadas no concello larachés, son limitadas e as inscricións deben formalizarse no departamento de Deportes. Esta actividade está dirixida a calquera persoa maior de doce anos, aínda que os menores de idade deberán acudir acompañados dun adulto. A organización porá a disposición dos participantes o material necesario para o desenvolvemento da actividade.