Este xoves será aprobado o Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, adiantou que o Consello da Xunta do vindeiro xoves aprobará o Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos. Esta será a folla de ruta a seguir para atraer investimentos e consolidar o ecosistema de innovación e de empresas que Galicia xa leva forxado en torno a este sector.

Nunha visita aos hangares que Indra e Babcock construíron no aeródromo de Rozas (Castro de Rei), Conde subliñou que, con esta infraestrutura e coa urbanización da primeira fase do Parque Tecnolóxico e Industrial, se está poñendo á disposición da comunidade científica e empresarial unhas instalacións únicas, avanzadas e de vangarda para desenvolver novos proxectos de base tecnolóxica no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados. Actualmente están urbanizados máis de 31.400 metros cadrados dos que máis de 7.100 son parcelas para empresas, cun investimento que suma 4,5 millóns de euros en total, incluídos os dous hangares.

Coa aprobación do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia trátase de dar continuidade ao traballo realizado desde que en 2015 se puxo en marcha esta iniciativa, que xa mobilizou dez veces máis do investimento previsto, 164 millóns de euros en total, coa participación de 937 profesionais. De feito, lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un proxecto tractor e estratéxico na candidatura galega aos fondos Next Generation para o que se espera mobilizar máis de 500 millóns de euros.