Estranxería e Documentación da Policía Nacional tramitou 14.273 DNI en Carballo no 2019

2 minutes read
  • A maior parte das persoas que utilizan o servizo residen na comarca de Bergantiños, pero o terceiro concello en número de usuarios é A Coruña

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello en Carballo, tramitou o ano pasado un total de 14.273 documentos: 11.416 DNI e 2.857 pasaportes. O servizo cumprirá tres anos o vindeiro día 20, e dende a súa posta en marcha o número de usuarios non deixou de medrar. Entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2019 foron tramitados case 40.000 documentos. No ano 2019 foron 97 persoas que o ano anterior, sobre todo polo aumento do número de pasaportes.

A maior parte das persoas que utilizan o servizo son veciños e veciñas da comarca de Bergantiños. Carballo, con 4.485, e A Laracha, con 1.180, son os dous concellos con máis usuarios, pero o terceiro en importancia é A Coruña, con 703. A continuación sitúanse Coristanco (689), Ponteceso (624), Malpica (602), Vimianzo (567) e Arteixo (425). Ademais, o ano pasado acudiron á unidade de Carballo un total de 550 residentes no estranxeiro.

O balance é moi positivo. O persoal que integra a unidade destaca a excelente acollida do servizo dende o primeiro día, tanto por parte do Concello de Carballo coma da cidadanía. O alcalde, Evencio Ferrero, pola súa banda, insiste en que tanto a boa valoración que fai a veciñanza como o aumento constante do número de documentos tramitados demostran a necesidade do servizo.

A oficina está aberta de luns a venres de 09.00 a 14.30 horas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo desde a rúa Cervantes. Nese mesmo horario pode solicitarse cita de maneira presencial, aínda que tamén pode pedirse online a través da páxina www.citapreviadnie.es ou chamando ao teléfono 060.