O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a creación dunha mesa de traballo cos concellos para deseñar unha Estratexia galega de atención á soidade non desexada “de país e que arroupe a todos os maiores”; “unha mesa para analizar as medidas que están en marcha a nivel local, explorar vías de colaboración entre administracións e deseñar xuntos solucións novidosas”, precisou, co obxectivo de poder aprobala entre xuño e xullo deste ano. Nesta liña, e ademais da Administración local, “que é a que mellor coñece aos veciños”, Feijóo aseverou que neste obxectivo atópanse outros potenciais aliados, entre os que destacou as entidades sociais ou o pequeno comercio, incidindo na necesidade de formar unha gran alianza contra a soidade. “O obxectivo é que todos os maiores se sintan arroupados e que pague a pena o esforzo de converternos en pioneiros para coidalos”, abundou, lembrando que, segundo o INE, Galicia conta con 126.000 galegos de máis de 65 anos que viven sós.
41