Estrea con vitoria en Vilalba (1-2), para o Deportivo de Borja Jiménez


O Deportivo estreouse con vitoria esta pretemporada tras impoñerse ao Racing Villalbés na Magdalena (1-2). Ao equipo branquiazul quédalle moito traballo por diante, pero xa se puideron ver os primeiros escintileos das novas fichaxes e tamén a estrea de xuvenís como Barcia, Noel e Mella. Empezou Borja Jiménez a súa lista de ensaios apostando por un 4-2-3-1 no que De Vicente e Bergantiños repartíanse o centro do campo e o enganche era para Menudo. Por eses tres xogadores pasou toda a primeira parte, marcada pola alta presión branquiazul ante un Racing Villalbés con apenas un par de adestramentos ás súas costas. De Vicente abriu o marcador pasado o cuarto de hora tras enganchar de forma perfecta un balón solto tras un córner. Ao Dépor faltáballe acerto no último pase, pero movía o balón con fluidez grazas á omnipresencia de Menudo, que sempre atopaba o espazo libre ás costas dos mediocentros locais. Nunha desas xogadas o balón chegoulle a Miku, que con tempo na área fixo o segundo antes do descanso.