Estrea en liga e vitoria do Goldie Xiria


A estrea non puido ser mellor, sobre todo no que se refire aos primeiros trinta minutos, onde as de Carballo maniataron ao seu rival (BM Caselas) desde a defensa e apoiadas por unha explendida Nadia baixo paus.

As rápidas transiccións e o xogo disciplinado sen erros no posicional, pronto comezaron a abrir unha importante brecha no marcador e no tempo de descanso o partido estaba practicamente visto para sentenza (16-6). A amplitude de banco que o Goldie ten esta tempada, debe de ser unha arma importante para manter o alto ritmo que amosaron as bergantiñás e así o demostraron as trece xogadoras que participaron nos primeiros trinta minutos.

Na continuación, o ritmo baixou moitos enteiros motivado pola superioridade demostrada no xogo e a amplitude no marcador. Isto levou a un segundo parcial igualado e a un exceso de relaxación no meridiano deste tempo, pero de novo e nos últimos minutos, as de Xiria puxeron unha macha máis para roubar tres balóns consecutivos e rematar a faena nun punto álxido que deixa boas sensacións de cara a próxima xornada. Resultado final 29 – 19.

As cadetes de Hierros Varela Urbieta estréanse na casa con vitoria

As de Xiria saían atenazadas como nunca ao 40×20 do Vila De Noia, estáticas, sen atacar e acumulando erros de maneira continuada. Os fallos de pase, as malas recepcións, os pasos…..múltiples e variados erros que penalizaban o ataque das locais. O seu rival, as xogadoras das EDM. Salceda, non estaban moito máis atinadas e grazas a isto e ao bo funcionamento da retagarda carballesa, estas conseguían adiantarse no marcador e chegar ao tempo de descanso cunha cómoda vantaxe de 8-4.

Na continuación, cun 0-6 de parcial e trece minutos sen marcar, as de Hierros Varela Urbieta vían impotentes como o seu rival adiantábaas no electrónico e os sinais do equipo comezaban a ser realmente preocupantes. Nos últimos instantes e grazas a unha defensa máis activa e profunda, puidéronse recuperar un par de balóns que foron claves no devir do encontro e sumar os dous primeiros puntos nesta División De Honra xa cando o envite chegaba ao seu fin. Resultado final 13 – 12.