Estrella Galicia traballa na obtención dunha bebida con capacidade antiinflamatoria


Durante unha visita ás novas instalacións de Estrella Galicia, na Coruña, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou por incrementar os apoios á dixitalización e á I+D+i para impulsar sectores tradicionais da nosa industria e aproveitar o potencial de crecemento.

Sobre este punto, destacou as edicións que xa se teñen levado a cabo da Fábrica intelixente e que fan posible que, neste momento, haxa 67 empresas que estean a desenvolver proxectos, cunha mobilización de recursos que ascende aos 280 millóns de euros. “E a nova convocatoria que a Xunta acaba de pechar neste 2020 contará con 15 millóns de euros”, engadiu, co obxectivo de desenvolver 11 proxectos, que se atopan agora en fase de avaliación.

O titular da Xunta puxo en valor o traballo que está a levar a cabo esta empresa no eido da Industria 4.0 e da I+D+i, así como a súa aposta polo arraigo territorial e a vocación de longo prazo.

“Estamos a falar dunha innovación centrada nas persoas”, dixo, subliñando que, grazas ao apoio da Xunta -a través do programa Fábrica intelixente-, esta compañía está a desenvolver un proxecto de investigación en colaboración con Anfaco-Cecopesca, baseado nas bebidas funcionais, é dicir, as que teñen un beneficio para a saúde. Unha iniciativa que, cun orzamento público-privado de máis de 2 millóns de euros, traballa na obtención dunha bebida fermentada de cereais con capacidade antiinflamatoria.

“Estamos a falar pois dunha empresa cuxo obxectivo é a diversificación de produtos, a diversificación de mercados e a innovación, ademais do seu compromiso co investimento para incrementar a capacidade de produción e co emprego”, expuxo, destacando, ademais das ampliacións que está a levar a cabo, a adquisición no polígono de Morás, en Arteixo, de 470.000 metros cadrados de superficie.

Pola súa banda, Ignacio Rivera Quintana, CEO en Hijos de Rivera, incidiu en que, se ben a situación producida pola pandemia non é fácil, a compañía seguirá apostando pola internacionalización e o investimento, co obxectivo de saír reforzada da crise.

Ignacio Rivera agradeceu a actitude “proactiva e positiva” que está a ter o Goberno galego e resaltou a importancia do traballo conxunto de toda a sociedade para facer fronte á pandemia.