O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo unha reunión con veciños deste concello pontevedrés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Arbo-, cunha superficie de 46,67 hectáreas distribuídas en 351 parcelas propiedade de 115 titulares.
Así, José González lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.