O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio coruñés relacionadas co agro. Entre os temas analizados, acordaron buscar varias zonas idóneas para desenvolver polígonos agroforestais dedicados ao cultivo de forraxe para o gando.
A implantación de polígonos agroforestais -ferramenta que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- permitirá poñer en produción grandes áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadou co paso do tempo un estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal na zona. Ademais, tamén se contempla a posibilidade de reordenar os usos actuais dalgunhas zonas para dedicar tamén esas áreas ao cultivo de forraxes.