Estudantes de Muxía participan no lanzamento de satélites dentro do programa Cansat da AEE

1 minutes read

Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia déronse cita nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas (CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizan unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos. Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cautivo, un cohete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterrizaxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso. Entre os centros participantes está o IES Ramón Caamaño de Muxía, así como tamén o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro), o IES Breamo (Pontedeume), o IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo), IES Rafael Dieste (A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), e o Colexio de Fomento Montecastelo e Acacias (Vigo).