Máis de medio cento de estudantes de nove institutos galegos participaron na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que hoxe se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas.
Os alumnos participantes foron os equipos Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do IES Eusebio da Garda, na Coruña; Le Sat, do IES A Xunqueira I de Pontevedra; PonteSat do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo; SaviSAT do CPI Dr. López Suárez de O Saviñao; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR Las Acacias, en Vigo e Ortisats, do IES Ortigueira.
O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Durante a xornada de hoxe presentaron os seus proxectos e lanzaron desde un dron os CanSat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.