Estudantes do IES de Cambre na fase nacional de proxectos espaciais Cansat

1 minutes read

O equipo BujanSAT do IES David Buján de Cambre resultou gañador da fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Estes alumnos representarán a Galicia medíndose con equipos de toda España o 15 de xullo en Granada para demostrar os seus coñecementos e aplicacións prácticas sobre enxeñaría aeroespacial a pequena escala. Presentarán o seu proxecto e lanzarán o pequeno satélite elaborado durante todo o proceso e, á súa vez, se gañan a fase nacional, poderán participar na fase europea CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) de xeito virtual en setembro.

O xurado, composto por Ángel Rodríguez, director do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Aquilino Abeal Pérez, director de Aeromedia UAV; Fernando Aguado Agelet, profesor titular do departamento de Teoría do sinal e comunicacións da Universidade de Vigo; Neves Seoane, directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), e Xosé Manuel García, asesor TIC do Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, elixiu a proposta destes alumnos entre os 11 equipos participantes.

Valorouse a globalidade do seu proxecto, así como a claridade que os integrantes tiñan sobre a misión que debían levar a cabo, sendo especialmente minuciosos en todo o proceso e destacando o bo grao de execución no deseño do satélite. Tamén puxeron de manifesto o gran valor científico da misión secundaria coa diseminación das sementes e o seu curioso sistema de liberación controlada.