Ethel Vázquez abordou co Grupo Alsa a situación do transporte público por estrada

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión de traballo, por videoconferencia, con representantes do Grupo Alsa para abordar a situación do transporte público de viaxeiros por estrada e as medidas de protección da saúde adoptadas, cando se comeza a rexistrar xa un incremento no número de viaxeiros. Nas liñas nas que opera este grupo de transportes tense máis que duplicado a demanda de usuarios desde o 11 de maio con respecto á rexistrada nas semanas previas do estado de alarma.

No encontro, no que participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, o director de Zona Noroccidental de Alsa, Miguel Ángel Marqués Rodríguez, e Fernando Míguez, xerente de Autos Cal Pita, tanto a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade como os representantes de Alsa coincidiron na necesidade de manter o estrito cumprimento das medidas de seguridade e saúde de traballadores e viaxeiros no transporte público, para garantir unha mobilidade segura.

Ethel Vázquez lembrou que o pasado día 11 de maio entraron en vigor as medidas impulsadas pola Xunta para reactivar o transporte público de competencia autonómica en condicións de seguridade, tanto para usuarios como para os traballadores do sector, ao tempo que se atenden as necesidades de mobilidade.

Na reunión constatouse que nas liñas nas que opera o Grupo Alsa, o transporte metropolitano de Ferrol, a liña metropolitana A Coruña-Sada-Betanzos e o servizo entre A Coruña e Santa Comba, se están a cumprir escrupulosamente as medidas de seguridade.