Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da senda peatonal e ciclista na AC-524 en Frades

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento da Xunta de 242.000 euros. Vázquez Mourelle achegouse á Casa do Concello de Frades, onde foi recibida polo alcalde, Roberto Rey Martínez; e os concelleiros de Obras, Manuel Ferreiro Marzoa, e Benestar Social, María Ángeles Álvarez Carro.

A conselleira presentou a nova senda peonil que vai a habilitar a Xunta nas marxes desta estrada autonómica que comunica Ordes e Lanzá. Un novo itinerario peonil que, tal e como indicou, mellorará a mobilidade e a seguridade nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio. A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 19 de decembro para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.

Segundo a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a comezos da primavera, cun prazo de execución de 4 meses. Explicou que xa se está a avanzar no proceso expropiatorio: en outubro convocáronse as actas previas e o 16 de decembro está prevista a formalización. Así, tal e como avanzou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, no verán os veciños de Frades poderán desfrutar desta nova senda peonil, que lles permitirá facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos; para continuar pola senda da travesía da Abellá de forma cómoda, segura e saudable.

Ethel Vázquez indicou que se trata dunha nova actuación, demandada e agardada no municipio, coa que se dá resposta á petición trasladada polo alcalde e coa que a Xunta pretende favorecer desprazamentos máis seguros, cómodos, sostibles e saudables e facilitar o tránsito diario dos veciños.