Ethel Vázquez anunciou a licitación das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, en Coristanco

Visita da conselleira Ethel Vázquez á zona o pasado mes de xullo_Cedida.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este venres a licitación das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, ás que se destinará un investimento autonómico de 777.000 euros para favorecer os desprazamentos a pé cara ao centro comercial Carrefour.

Vázquez Mourelle presentou as actuacións previstas na estrada autonómica AC-552, que lle darán continuidade á senda posta en servizo en febreiro, un itinerario de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, cun investimento da Xunta de 1,1 M€.

Segundo informou, a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle a licitación das novas obras por un importe de máis de 752.000 €, establecendo como prazo ata o vindeiro 3 de agosto para que as empresas interesadas nos traballos fagan  chegar as súas ofertas. Segundo explicou a conselleira, a partir de aí continuarase cos trámites administrativos necesarios, o primeiro deles, xa neste mesmo mes, o día 22 de xullo, co levantamento das actas de ocupación das 4 parcelas afectadas.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou a previsión de iniciar as obras no último trimestre do ano, que teñen un prazo de execución de 8 meses, polo que no verán do 2023 os veciños disporán dos novos itinerarios peonís de Montecelo e Bormoio. O investimento total da Xunta elevarase ata os  777.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións e os servizos afectados.

Segundo explicou Ethel Vázquez construiranse en total algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terriza para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso fundamentalmente peonil, cun ancho mínimo de 2 metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.

O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.

A conselleira detallou que neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda peonil e aproveitarase para acondicionar a curva existente.

Tamén explicou que no núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi.  Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.

Os traballos completaranse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existe rede de pluviais e, onde non hai, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.