Vallas reforzadas para frear ó xabaril nas estradas con máis riscos

1 minutes read
  • A futura nova autovía Lugo-Sarria contará con esta medida, ata agora a de maior eficacia fronte aos accidentes por animais

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, clausurou este sábado as xornadas técnicas da 49ª Convención Internacional de Autoescolas, onde avanzou que a Xunta dotará de vallas reforzadas fronte ao xabaril as novas estradas que coincidan cos treitos de maior risco. Así sucederá, por exemplo, na futura autovía entre Lugo e Sarria, que contará con esta medida, a de maior eficacia fronte aos accidentes por animais.

A conselleira anunciou tamén que a Xunta iniciará no 1º semestre do vindeiro ano a elaboración do Plan de seguridade viaria 2021- 2025 para sumar esforzos a prol da redución dos accidentes de tráfico.

Vázquez destacou que, ademais de avanzar na construción de grandes eixos de comunicación como as autovías do Morrazo ou da Costa da Morte, a Xunta aposta por conservar en bo estado a rede de estradas mediante o Plan de reforzos de firmes ou o Plan de Vialidade Invernal.

Tamén se referiu ao traballo para reducir a accidentalidade en estradas como consecuencia do xabaril, a través de varias liñas de actuación como os ensaios de orina sintética de lobo como repelente destes animais en algúns tramos da rede viaria. Apuntou que se está ultimando o decreto para a comercialización de carne de xabaril e se están incrementando as accións de caza para reducir a poboación destes animais e os accidentes de tráfico.

No marco desta problemática, a conselleira tamén trasladou a importancia de que os condutores saiban reaccionar ante un imprevisto como a irrupción dun xabaril ou outro animal e nese sentido afirmou que o traballo das autoescolas pode resultar interesante.