Ethel Vázquez destaca a aposta da Xunta na ampliación da ponte sobre o río Grande en Baio

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou esta actuación que está practicamente rematada, restando só a colocación da escaleira para acceder á beira de augas arriba da ponte, o chapado en pedra do muro de formigón e a retirada dos restos dos soportes de canalizacións e servizos, cando o caudal do río o permita.

A ampliación da ponte levouse a cabo mediante a execución dunha nova lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais. Así, dispuxéronse 13 lousas prefabricadas de sección completa que miden máis de 12 metros e cun peso que nalgún caso supera as 24 toneladas. Para isto, empregouse material de proximidade, xa que as lousas foron fabricadas en Buño, e apostouse por materiais ‘km cero’, que xeran emprego e riqueza na contorna.

Coa ampliación, sinalou que se pasa dunha plataforma de 8 metros a case 12, o que permite contar agora con 2 carrís de 3 metros de ancho, beiravías, peitorís que apoian no taboleiro e beirarrúas de 2,10 m. en ambos os lados da ponte.

Explicou que se deseñou a actuación elevada de xeito intencionado, a modo de redutor de velocidade, ao que tamén contribúe o trazado en curva do lado de Vimianzo, dado que este é un tramo urbano limitado a 30 km/hora. Neste sentido, indicou que é unha solución técnica máis efectiva e funcional e menos ruidosa que os redutores transversais.

Subliñou tamén a posta en valor acadada na ponte e na súa contorna, agochando no interior do taboleiro as liñas de servizo que antes discorrían polo exterior, unha mellora estética palpable que contribúe a resaltar a singularidade e a propia estrutura, así como a complexidade das obras acometidas na ponte, que conta con protección integral, e avanzou que se está a traballar con Patrimonio na posibilidade de dotala de iluminación.