A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou este xoves, nunha visita ás instalacións, o investimento da Xunta de 50.000 euros na humanización do acceso á estación de autobuses de Carballo para lograr un espazo máis aberto á vila e máis acolledor para veciños e usuarios. Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou as obras que a Xunta está a realizar neste lugar, pendentes aínda de remates.
O Goberno galego comezou en febreiro os traballos que permitiron ampliar o espazo da cafetería, habilitando un espazo cuberto ao aire libre e abríndoa ao exterior; ademais dun acceso peonil polo lado este da estación, desde a rúa principal, para facilitar que veciños e usuarios se acheguen ata este equipamento.
Para acadar estes obxectivos, colocouse unha nova malla de peche no espazo colindante, entre as dársenas e o parque público, reparouse o pavimento que estaba danado, instaláronse vinilos nas taquillas e revisouse a iluminación.
Restan por facer remates, así como solucionar certas deficiencias detectadas, como a busca dunha fácil apertura para a lona antivandálica da terraza da cafetería, para o que xa se deu instruccións á empresa adxudicataria dos traballos. Tamén resta a colocación dun novo cartel identificativo na estación, que será colocado en cuestións de poucas semanas.
A conselleira indicou que se trata de actuacións que desde o punto de vista técnico e do investimento poden parecer sinxelas e menores, pero pretenden ser transformadoras e contribuír á revitalización deste equipamento.
Subliñou o fin primordial de ofrecer mellores servizos aos usuarios da estación, pola que pasan máis de 40.000 expedicións ao ano e 260.000 viaxeiros, que teñen como principais destinos A Coruña, Santiago, Fisterra ou Laxe.
Lembrou que estas actuacións se suman ás realizadas na estación nos últimos anos por importe de 115.000 euros, centrándose as últimas en reparar a cuberta e a estrutura das dársenas, solucionar problemas nos falsos teitos e tabiques pola entrada de auga.

