Ethel Vázquez destaca o investimento na seguridade viaria no Camiño de Fisterra


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou no concello de Fisterra os traballos que comezaron este luns na estrada AC-445, que une Fisterra e Cee, para garantir unha mobilidade máis segura a peregrinos e veciños. Actuacións que, segundo concretou, estarán rematadas a vindeira semana.

As intervencións, que contan cun investimento de 30.000 euros, estanse a acometer nun treito de 400 metros, na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á estrada autonómica.

O obxectivo das obras é facilitar o tránsito dos peregrinos que camiñan pola beiravía e ofrecerlles condicións máis seguras nos seus desprazamentos. Para iso, retirarase a bionda, antes de executar unha senda pola marxe esquerda da vía.
O proxecto tamén prevé a colocación dunha nova valla protectora, máis preto do firme da estrada, polo que o itinerario para os peregrinos quedará perfectamente delimitado e mellor preservado.

Ademais reforzarse a sinalización deste treito para indicarlles aos camiñantes o traxecto e para advertir aos condutores do tránsito frecuente de peregrinos pola beira da estrada, para que circulen con maior precaución.

Estas actuacións contribuirán a que este treito do Camiño de Fisterra gañe protagonismo, ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable.