A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitou o apoio do Concello e dos empresarios de Santa Comba para demandar 10 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica AC-406, entre Portomouro e Santa Comba. Fíxoo nunha reunión que mantivo co alcalde de Santa Comba, David Barbeira, e cos representantes da Asociación de Empresarios, onde abordaron este proxecto estratéxico para as comunicacións da zona.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade comunicoulles que a Xunta xa solicitou ao Goberno de España financiamento para esta actuación a través dos fondos europeos do Plan de recuperación da economía, no marco do obxectivo estratéxico de mellora das infraestruturas e comunicacións no ámbito rural, para a mellora da accesibilidade.
A conselleira apuntou que se trata de darlle continuidade á primeira fase de acondicionamento desenvolvida neste vía autonómica, entre Abuín e o parque empresarial, a variante de Salgueiroas, rematada en febreiro do pasado ano.
O obxectivo do acondicionamento do resto da estrada Portomouro-Santa Comba é mellorar o seu trazado, coa rectificación de curvas e o acondicionamento do firme ao longo de máis de 10 quilómetros da vía, en beneficio dos concellos de Val do Dubra, A Baña e Santa Comba.