A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou no Parlamento de Galicia a reclamación da Xunta ao Goberno central da modernización do Feve Ferrol-Ribadeo e a dotación do material rodante comprometido para poñerlle fin ao abandono deste servizo.
Na súa intervención no Pleno do Parlamento, a conselleira de Infraestruturas subliñou que, pese a ter demanda, o ferrocarril de vía estreita carece de vontade política e de compromiso orzamentario por parte do Goberno de España para modernizar a liña e o material rodante. As deficiencias e carencias actuais impide que esta liña ferroviaria sexa unha alternativa de transporte que, en primeiro lugar, funcione e, despois, resulte útil á mobilidade diaria dos cidadáns das comarcas que atravesa.
Afirmou que para a Xunta é unha liña ferroviaria estratéxica e non só para a conexión das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, senón tamén para a comunicación de Galicia con Asturias e como continuación cara ao País Vasco.
A conselleira lamentou que a liña do antigo Feve veña acumulando un importante déficit de investimentos na modernización da vía e do material rodante, pese a estar comprometidas actuacións de calado desde 2018.