Ethel Vázquez supervisa este martes o resultado das obras da senda entre Carballo e Coristanco

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisa este martes o resultado das obras de construción do novo itinerario peonil e ciclista na estrada AC-552 entre Carballo e Coristanco, e que figura cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros. Un treito de senda pola marxe esquerda da estrada, sentido Fisterra, que conta con case 1,9 km desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando ata o núcleo de Coristanco. Pola dereita, habilítase un tramo de 600 metros que irá ata a fábrica de Calvo. O itinerario conta cun ancho suficiente para garantir desprazamentos cómodos e seguros: 2,5 metros de ancho, sobreelevado sobre a estrada e separado da vía por bordos e unha franxa verde de ancho variable en función do espazo dispoñible.