Ethel Vázquez supervisou en Carballo as rebaixas do 50% que se aplican nos autobuses da Xunta


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que os descontos do 50% están a impulsar un incremento significativo no uso do autobús autonómico na comarca de Bergantiños, onde se rexistrou unha suba do 28% nas viaxes con dirección á Coruña. Vázquez Mourelle visitou a estación de autobuses de Carballo para supervisar o funcionamento dos descontos do 50% que vén aplicando a Xunta desde o pasado 1 de setembro nos autobuses autonómicos.

Tal e como subliñou, o departamento que dirixe constatou un incremento do 40% no uso do autobús da Xunta a nivel autonómico, cun incremento do 20% vinculado á recuperación progresiva da demanda tras a pandemia e o outro 20% imputable directamente ás bonificacións.

No acto tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o deputado carballés, Rubén Lorenzo.

Autoridades locais acompañaron á conselleira Etel Vázquez na súa visita á estación de autobuses de Carballo.

A conselleira explicou que ese aumento no número de pasaxeiros do autobús da Xunta tamén se está a observar en Carballo, nos dous principais corredores nos que se concentran os desprazamentos. Así, concretou que na primeira quincena de setembro a liña entre Carballo e Santiago rexistrou un incremento do 38% no uso do autobús, con respecto ao mesmo período do ano anterior, do que un 6% é consecuencia directa das bonificacións, nun contexto de suba xeral pola recuperación do uso do transporte público tras a pandemia.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade concretou que, no caso dos desprazamentos en autobús cara A Coruña, que se incrementaron un 28% con respecto ao mesmo período do ano anterior, o 19% da porcentaxe total de incremento é imputable directamente ás bonificacións na tarifa de autobús do 50%. 

Sinalou que este crecemento do número de viaxeiros tamén vai parello ao número de Tarxetas de Mobilidade de Galicia, as tarxetas TMG coas que se aplica esa bonificación, expedidas.  Explicou que na 1ª quincena de setembro en toda Galicia expedíronse 7.000 novas tarxetas TMG, o que supón duplicar en 15 días cifras dun mes completo. Só en Carballo expedíronse 190 tarxetas TMG e 225 na comarca de Bergantiños.

Ethel Vázquez referiuse, ademais, á aposta da Xunta polo transporte público que se traduce, tamén, nunha medida moi potente de apoio ás familias: a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús da Xunta: 129.000 en toda Galicia; 3.200 na comarca de Bergantiños; e 1.770 no concello de Carballo.