Ethel Vázquez traslada á UE proxectos para acadar a transformación dixital no transporte

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, traslada á Comisión Europea proxectos para acadar a transformación dixital no transporte e ofrecer servizos máis atractivos, eficientes e útiles aos cidadáns, coa mellora dos servizos de información ao usuario ou co transporte a demanda de nova xeración.

Vázquez Mourelle mantivo un encontro co director xeral adxunto da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, Normunds Popens, para seguir afondando nas prioridades de Galicia de cara ao reparto de financiamento do vindeiro programa operativo Feder 21/27 e no fondo de reconstrución Next Generation UE, creado como consecuencia da covid-19.

Declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

No encontro, organizado coa colaboración da Fundación Galicia Europa, tamén participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Joaquín Macho, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

A xuntanza dálle continuidade á mantida onte coa directora de calidade de vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Verónica Manfredi, na que se comunicaron as prioridades de Galicia en materia de augas.

Na reunión avaliouse o eido do transporte público, onde a Xunta vén realizando un importante esforzo para que os galegos teñan un sistema máis eficiente, verde e sostible, tanto desde o punto de vista ambiental como económico. As características diferenciais da Galicia, tradúcense na necesidade de dotar servizos de transporte público cunha gran capilaridade que supoñen un importante volume de achegas por parte da Xunta.