A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que en setembro os veciños da Laracha disporán dunha nova senda entre O Cancelo e Proame que completará un itinerario peonil continuo de máis de 7 km na AC-552 cun investimento de case 1,5 M€.
Vázquez Mourelle supervisou, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a marcha das obras da nova senda que se está a executar pola marxe esquerda e en paralelo a esta estrada autonómica.
Os traballos céntrase na execución dun itinerario de 2,2 km de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros; aínda que en tres treitos concretos, onde hai vivendas nas marxes, a senda ten un ancho menor de 1,80 metros que, en todo caso, garante a accesibilidade neses puntos.
Nas zonas de vivendas e negocios acondicionaranse zonas de aparcadoiro en liña. Ademais, na contorna hai 4 paradas de autobús con marquesiña, que manteñen a súa situación, pero mellorarase a súa accesibilidade, dispoñendo máis espazos para os peóns, con pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas paradas.
A titular de Infraestruturas indicou que os traballos avanzan con ritmo, acadando un grado de execución actual que rolda o 16 %. Realizouse a roza ao longo da traza, demolicións localizadas, movemento de terras, escavacións e recheos, ademais das canalizacións de pluviais e alumeado.
A nova senda execútase en formigón cor terriza, para favorecer a súa integración na contorna, e con franxa verde de separación, de entre os 1 e os 2 metros en función do ancho que hai dispoñible, e vai elevada sobre a beiravía, para maior seguridade. Na zona do cruce sobre o rego de Quenxe irá unha pasarela de preto de 16 metros de longo con varanda metálica para darlle continuidade á senda.
Os traballos completaranse con muros de cachotería para soster o itinerario en tres treitos; a disposición dun sistema de rega para o mantemento da franxa axardinada; e a colocación de prismas de servizos, para a preinstalación de iluminación e telecomunicacións.
Con esta nova senda na AC-552 entre O Cancelo e Proame a Xunta atende unha demanda veciñal e a petición que fixo o alcalde, conectando co itinerario xa finalizado que alcanza o núcleo urbano da Laracha, permitindo comunicar as vivendas desa zona cos principais equipamentos e servizos do municipio.
O prazo de execución é de 10 meses, polo que a nova senda de 2,2 km entre O Cancelo e Proame estará rematada en setembro, completando un itinerario peonil continuo de máis de 7 km de ao longo da AC-552, que lle permitirá aos veciños desprazarse pola marxe desta estrada autonómica de xeito máis seguro, cómodo e saudable, grazas a cun investimento conxunto de 3 M€, resaltou a titular de Infraestruturas.
A nova senda súmase á xa executada no Cancelo, na zona de acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial; e ás habilitadas en 2017 e 2018 nesta mesma estrada AC-552 ente A Laracha e O Cancelo, de 2 km de lonxitude; e entre A Laracha e Paiosaco, de 1,5 km.