Eu “quero” Carballo Interplay

Presentación Interplay Carballo 2019_Cedida

Vista a instantánea da súa presentación, ben podería interpretarse deste xeito.

O Concello de Carballo acolleu este luns a presentación da sexta edición do festival de contidos dixitais máis importante do Estado, o Carballo Interplay, que a próxima semana ofrecerá na vila toda unha panorámica da innovación na rede a nivel galego, español e internacional.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, asegurou na rolda de prensa de lanzamento do festival que grazas ao Interplay o nome de Carballo é coñecido e recoñecido en moitos ámbitos e en moitas latitudes. E o alcalde, Evencio Ferreiro, abundou na capacidade do evento para conquistar ao público “de Carballo, de Galiza e de máis alá”.

A directora do Interplay, Sonia Méndez, pola súa banda, explicou que na Sección Oficial do festival o público poderá ver unha selección de 34 webseries de todo o mundo e, dentro do programa de actividades, salientou a presenza -por primeira vez en Galicia- das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López.

Pola súa banda, María Yáñez, responsable de actividades do Interplay, recordou que o festival pon o foco, unha vez máis, nas mulleres creadoras e xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital -Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman- para falar de como a sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. Manuel Bartual e El Hematocrítico, a familia Prieto Flores ou David Sainz e Teresa Segura son algúns dos nomes propios que completan o programa desta edición.