Europa apoia un proxecto galego para estudar o uso do ARN mensaxeiro contra o cancro


Unha investigación do CiQUS de Santiago convértese na lanzadeira europea para investigar o uso de ARN mensaxeiro en terapias contra o cancro. O equipo galego, liderado polo doutor Javier Montenegro, acaba de conseguir unha bolsa do Consello Europeo de Innovación. É a maior contía concedida para un período de tempo máis curto.

É o que denominan un proxecto de ciencia disruptiva: novos métodos e tecnoloxías que poderían revolucionar as terapias no futuro. Un aspecto que suma aínda máis emoción a este grupo investigador da USC, despois do logro de pasar tantos filtros e de seren escollidos para a axuda do Consello Europeo de Innovación entre centos de aspirantes do máximo nivel.

As terapias con ácidos nucleicos precisan un transportador que leve a medicina ao interior das células ao tempo que as protexe. Como químicos, nesta parte achegan coñecementos para sintetizar, manipular as moléculas e facelas óptimas para transportar este DNA. O que desenvolven no CiQUS é, por así dicilo, un novo sistema de entrega de RNA ao interior das células.

Por iso, realizada a entrega, o composto é biodegradable, o que minimiza os efectos tóxicos.

Entre as aplicacións posibles, a inmunoterapia, atacar o cancro e reducir o crecemento de tumores. A axuda europea a este grupo de investigación está destinada a confirmar os resultados de laboratorio para poder realizar a transferencia a nivel industrial.