Evacuada de urxencia unha muller tras ser atropelada en Carballo

1 minutes read

Unha muller de mediana idade foi evacuada de urxencia este mércores ao ser atropelada por un vehículo na travesía que cruza Carballo. Os feitos ocorreron pasados uns minutos das oito da tarde, cando a señora se dispoñía a cruzar a vía á altura da rotonda onde conflúen as rúas Vázquez de Parga e Gran Vía. Trátase dunha zona complicada, dado que ademais da confluencia de varias rúas na rotonda, concretamente nesa zona hai un paso de peóns e dous carrís de circulación en sentido entrada ao centro urbano, polo que a precaución de condutores e peóns debe ser dobre. Ao lugar, de inmediato, alertados polo 112 Emerxencias Galicia, acudiu en auxilio unha patrulla da Policía Local, e unha ambulancia do 061 que trasladou á muller ferida ao centro médico.