Evacuada unha muller que sufriu unha caída na Illa de Ons

1 minutes read

Unha muller necesitou a axuda dos servizos de emerxencia este domingo despois de sufrir unha caída na Illa de Ons (Pontevedra). A ferida foi evacuada nunha embarcación de Salvamento Marítimo ata o porto de Bueu, onde a agardaba unha ambulancia do equipo sanitario de urxencias.

Finalmente, a muller foi trasladada ao Hospital Montecelo.

A chamada de alerta á central do 112 Galicia foi efectuada por un axente forestal da illa. Durante a comunicación cos xestores do 112, o axente informou que a muller caera dun noiro e que necesitaba asistencia sanitaria especializada para avaliar a súa situación.

Decontado, desde o 112 pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos membros de Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Nun principio, os equipos de intervención expuxeron a posibilidade de mobilizar ao helicóptero de rescate, pero esta opción quedou descartada ao comprobar que as condicións climáticas eran desfavorables para o desprazamento da aeronave.

Deste xeito, a embarcación Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo, efectuou o traslado da ferida ata o peirao de Bueu co fin de facilitar a súa posterior evacuación ao centro médico.

Cómpre sinalar que desde o 112 tamén se informou aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.