Evacuada unha persoa en helicóptero tras unha saída de vía en Oza-Cesuras

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima, tras recibir os primeiros coidados no mesmo lugar do accidente, foi evacuada ao centro hospitalario no helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Foron varias as persoas que contactaron co 112 Galicia, a media tarde deste venres, para solicitar asistencia médica urxente para unha persoa que, aseguraron, saíu despedida dun vehículo na estrada de Montesalgueiro a Curtis, concretamente no cruce do Brueiro.

Axiña, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para a rápida atención do ferido. Ademais, informouse aos Bombeiros de Betanzos, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Curtis.

Así mesmo, solicitouse a colaboración do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas para recuperar as condicións de seguridade da vía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha