Evacuada unha persoa en Negreira tras producirse un accidente de tráfico

GES de Brión_Arquivo.

Os servizos de emerxencias prestaron axuda a unha persoa que sufriu un accidente de tráfico cando circulaba pola estrada que une Ponte Maceira a Negreira, na Coruña.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia a través das chamadas de alerta das testemuñas do sinistro, dous vehículos estiveron involucrados no accidente e, probablemente, un dos seus ocupantes necesitase auxilio para abandonar o turismo. Ante esta circunstancia, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros Santa Comba e GES de brión.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención comprobaron que as persoas estaban liberadas e accesibles, descartando así o uso do material de excarceración.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Este operativo, que se puxo en marcha ás 21:00 horas de onte, rematou cunha persoa trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.