Evacuadas seis persoas tras unha colisión entre tres vehículos en Narón


De acordo cos profesionais sanitarios, seis persoas foron evacuadas na tarde deste sábado en ambulancia tras producirse un choque entre tres vehículos na AP-9, á altura do punto quilométrico 34, ao seu paso polo concello de Narón.

O accidente tivo lugar cando os vehículos circulaban en sentido Coruña. Foron varias os particulares que chamaron ao 112 Galicia para informar da colisión e solicitar axuda para os ocupantes dos turismos. Durante a comunicación cos xestores de emerxencia, un dos alertadores indicou que as persoas foron capaces de saír polos seus propios medios.

De inmediato, desde o 112 solicitouse a intervención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Narón e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento naronés informaron que, debido á posición na que remataron os turismos sinistrados, foi necesario estabilizalos co fin de garantir a seguridade na vía, labor que foi completada coa colaboración do persoal de mantemento da estrada.

Ningún dos ocupantes precisou ser excarcerado polos equipos de intervención e, en total, seis persoas foron trasladadas polos sanitarios. Desde o 112 pasouse aviso á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.