Evacuadas tres persoas en Pazos, Mazaricos, por unha intoxicación con monóxido de carbono

1 minutes read
  • Unha das vítimas tivo que ser trasladada ao CHUS en helicóptero

Tres persoas veciñas do lugar de Pazos de San Cosme de Antes, en Mazaricos, tiveron que ser evacuadas este martes ao Hospital Clínico Universitario de Santiago debido a unha intoxicación por monóxido de carbono por unha fuga de gas, segundo sinalan fontes do operativo.

O incidente produciuse sobre as 10:45 horas, cando desde o CIAE112 se alertou aos bombeiros de Santa Comba do suceso. Tras chegar ao lugar dos feitos e comprobar que non había ninguén na casa, os efectivos de emerxencias procederon a realizar medicións co explosímetro dando positivo en monóxido de carbono.

Das tres persoas afectadas a máis nova foi a que máis problemas tivo, polo que a súa evacuación ao centro hospitalario realizouse en helicóptero, mentres que o resto foron trasladadas en ambulancia.

No operativo tamén participaron o GES de Muros e a Garda Civil de Mazaricos.