Evacuado en helicóptero tras caer do tellado dunha casa en Carnota

1 minutes read

Un home necesitou asistencia urxente na tarde deste luns ao precipitarse do tellado dunha casa a sete metros de altura en Carnota. Foi un familiar do home ferido quen alertou dos feitos ao 112 Galicia. Segundo indicaba no seu relato aos xestores do CIAE 112 Galicia, a caída tivera lugar nun complexo de apartamentos situado en Velouro.

Acto seguido, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron un helicóptero cun equipo médico a bordo para prestar axuda ao home e trasladalo, finalmente, ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Cómpre sinalar que neste operativo tamén interviñeron os efectivos do GES de Muros, os axentes da Garda Civil e da Policía Local e os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carnota.