Evacuado en helicóptero tras caer dunha árbore e cortarse cunha motoserra


Unha persoa resultou ferida de consideración este luns pola tarde en Oza-Cesuras ao caer dunha árbore e cortarse coa motoserra que estaba manexando. Os feitos sucederon no lugar de Cristín.

Debido á gravidade das feridas que presentaba a persoa, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, no que foi trasladada ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Foi un particular quen alertou do sucedido ao 112 Galicia. A partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos servizos sanitarios, da Garda Civil e do GES de Curtis.