Evacuado en helicóptero un tractorista en Dumbría


Un tractorista necesitou a axuda dos equipos de emerxencia tras sufrir un accidente co vehículo agrícola que manexaba en Dumbría. Foron os servizos sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia para informar da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender a un home atrapado baixo un tractor na aldea de Castro. Así, para colaborar nas labores de aterraxe da aeronave e prestar asistencia ao equipo médico, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Cee e dos axentes da Garda Civil de Tráfico. Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron ao 112 que foi necesaria a súa intervención para liberar ao tractorista, que quedou atrapado baixo o vehículo. Nada máis rematar as labores de excarceración, o ferido foi evacuado a bordo da aeronave médica ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago. Desde o 112 avisouse, tamén, aos efectivos de Protección Civil da localidade.