Falece o veciño de Muxía que fóra evacuado en helicóptero tras desmaiarse na rúa

AVPC MUXÍA

  • A vítima fóra trasladada ao CHUAC tras sufrir unha indisposición durante a mañá deste mércores.

José Ramón Rey Sambad, o veciño de Muxía que este mércores pola mañá tivera que ser trasladado en helicóptero medicalizado tras desvanecerse na zona da Marina, faleceu no hospital na mesma xornada. Segundo sinalaban desde Protección Civil da localidade a vítima, de 73 anos, puido sufrir unha parada cardiorrespiratoria e, tras o aviso dun cidadán que desde o seu coche viu caer ao home ao chan, de inmediato se personaron no lugar un axente da Policía Local, membros de Protección Civil, dúas enfermeiras que se atopaban pola zona, un percebeiro e sanitarios do centro de saúde.

O policía foi quen prestou os primeiros auxilios realizando unha reanimación cardiopulmonar (RCP), un labor que foi continuado por persoal do centro médico da vila e que permitiu que a vítima se estabilizara ata a chegada do helicóptero para ser trasladada ata o CHUAC.