- O colexio activou o protocolo interno de evacuación e non se rexistraron danos persoais
Este mércores un colexio tivo que ser evacuado debido a un erro humano, que causou un escape de gas na rúa Celso Emilio Ferreiro, en Ourense.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, liberouse unha gran cantidade de gas que foi arrastrada polo vento. Ante isto, un colexio que está situado nas proximidades do lugar dos feitos, activou o seu protocolo interno de evacuación, sen que se rexistrasen danos persoais.
Foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia pasados uns minutos das 12:45 horas. Nada máis ter constancia, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da empresa subministradora do gas, dos Bombeiros de Ourense, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Policía Nacional e Local.
Unha vez no lugar da fuga, os servizos de emerxencia atallaron o escape de gas e levaron a cabo as medicións correspondentes.