Evacuado un home en helicóptero na Ruta dos Faros en Ponteceso

Pesca 1.

Un  home foi evacuado na tarde deste domingo nun helicóptero de Salvamento Marítimo despois de sufrir unha indisposición mentres realizaba a Ruta dos Faros, en Ponteceso. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o home sentiuse indisposto nunha zona de difícil acceso en Punta de Eiras.

Deste xeito, nada máis recibir a alerta dos feitos a través dunha persoa particular, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación do home en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Ponteceso, dos Bombeiros de Bergantiños, do Servizo Municipal de Protección Civil, da Garda Civil e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Ademais, o persoal do CIAE 112 Galicia requiriu a intervención de Salvamento Marítimo, que mobilizou un helicóptero de rescate no que o home indisposto foi evacuado ao Aeroporto de Alvedro e, posteriormente, foi trasladado a un centro médico nunha ambulancia.