Evacuado en helicóptero un operario que caeu dun colector de catro metros de altura en Boqueixón
Un operario resultou ferido de gravidade esta mañá en Boqueixón ao caer desde un colector de catro metros de altura. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o traballador tivo que ser trasladado nun helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Os feitos ocorreron nunha nave industrial situada no lugar de Camporrapado, na parroquia de Oural, ao fío das 9:10 horas.
Decontado achegáronse ata o lugar do accidente laboral os servizos sanitarios, que mobilizaron a aeronave con base en Santiago, os axentes da Garda Civil e os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Boqueixón.
Un mariñeiro evacuado en alta mar debido a unha indisposición
Un mariñeiro tivo que ser evacuado esta mañá cando navegaban en alta mar ao sufrir unha indisposición a bordo do buque “Galeón Andalucía”.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o suceso produciuse ás 09:30 horas de hoxe na embarcación que nese momento atopábase preto do concello da Guarda, en Pontevedra. Así o indicaba Salvamento Marítimo ao contactar co CIAE 112 Galicia.
A partir de aí, para atender ao tripulante, foi necesaria a súa evacuación no helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia que evacuou ao home ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Pontevedra.
Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple en Melide
Dúas persoas precisaron asistencia médica esta mañá despois dunha colisión na que se viron implicados catro turismos en Melide. Sucedeu na N-547, saíndo do casco urbano, en dirección a Santiago.
Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 10:50 horas para dar conta do sinistro.
A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil.